Saltar ao contido

Museo Massó

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Museo Massó
Tipomuseo
Localización
EnderezoAvda. Montero Ríos, s/n
EnBueu
PaísGalicia
42°19′37″N 8°47′06″O / 42.326947, -8.785048
Na rede
https://museos.xunta.gal/es/masso e http://museomasso.blogspot.com
editar datos en Wikidata ]

O Museo Massó é un centro situado no concello de Bueu, no edificio usado como fábrica de conservas Salvador Massó e Fillos que instalou esta familia de orixe catalá a principios do século XIX.

A mediados do século XX a familia Massó foi xuntando unha espléndida colección de libros antigos, cartas mariñas e de navegación, mapas e instrumentos de navegación e outros obxectos relacionados co mar e a industria conserveira. En 1928 Guglielmo Marconi visitou as instalacións industriais dos Massó e propúxolles a idea de facer un museo. A idea foi aceptada e o 26 de novembro de 1932 inauguráronse as novas instalacións museísticas. O ano 1992 a Xunta de Galicia comprou a colección e os edificios que compuñan as instalacións. Tras unha rehabilitación reinaugurou o museo o 10 de xullo de 2002.

Entre as obras expostas destacan pinturas de Urbano Lugrís, a colección de modelos de naves históricas e de instrumentos de navegación antiga. Na colección de libros, entre varios incunábeis, destaca a Cosmographia de Claudio Tolomeo de 1490.

Unha das súas salas esta dedicada á etnografía de Bueu onde se reúne e expón unha ampla mostra de aparellos de pesca e marisqueo, como liñas, poteiras, nasas e, moi especialmente, o relacionado coa dorna de Bueu ou dorna polbeira (adicado á pesca do polbo). A carpintaría de ribeira ocupa unha ampla zona onde se expoñen os diferentes instrumentos e ferramentas que se utilizaban neste, case desaparecido, oficio. Tamén se mostra instrumental daqueles traballos complementarios á pesca, como a redería, a calafatería e cabulería.

Provenientes das antigas instalacións conserveiras da fábrica de Massó hai unha mostra de diferentes máquinas utilizadas para a realización da conserva, dende a construción da lata ata a saída da conserva. Móstrase o seu funcionamento mediante fotografías e proxeccións.

Os Massó construíron unha factoría de tratamento de cetáceos na veciña localidade de Cangas. Destas instalacións e dos barcos baleeiros que subministraban a materia prima, hai unha colección de instrumental de desmembramento e caza de baleas, entre os que destaca un canón de arponeo e diferentes tipos de arpóns.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]